xoves, 16 de xaneiro de 2020

SERIE TELEVISIÓN
(SERRAMOURA)

Esta é a sinopse según a páxina da TVG:
A tranquilidade de Serramoura vese alterada coa chegada dun investigador de métodos agresivos, que para descubrir quen matou a Mónica Triáns deberá lidar cos impenetrables e enigmáticos habitantes desta vila.

Todos gardan algún segredo e tamén algunha razón para cometer ese crime horrendo. Mónica sabía demasiado das loitas polo control da madeira que manteñen os Fiúza e os Soutelo, as familias máis poderosas da vila.

Ambientado no mundo da madeira, este thriller rural, que conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior, leva os espectadores por algunhas das paraxes forestais máis belas e tamén máis misteriosas de Galicia.

Unha ollada furtiva. Unha mentira descuberta. Unha razón sen sentido. Unha peza que non cadra. Unha vinganza desmedida. Un carácter enfermizo. Calquera destes eventos pode ser o detonante das grandes traxedias que amosan os titulares de prensa máis sensacionalista. Así o pon de relevo esta serie producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia.

Serramoura, localidade de ficción resultado da unión dalgúns dos recunchos máis fermosos e inquietantes da provincia da Coruña, é unha desas vilas orgullosas de vivir cara á natureza e de costas ao ritmo acelerado e insensato das cidades. Pero tamén, como en todas as vilas, en Serramoura as portas péchanse e detrás delas ninguén sabe o que pasa. Porque nesta vila tamén hai segredos, mentiras e dor, os elementos esenciais en que se fragua o rancor e a vinganza.

Serramoura vive da explotación dos seus recursos madeireiros. Dúas familias, os Soutelo e os Fiúza, loitan polo control do negocio. Este escenario recoñecible vese bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas. Para resolver o caso, a Comandancia da Garda Civil desprazará á vila a Diego (Miguel Ángel Blanco), sarxento especializado en homicidios, visceral e instintivo, que se unirá á sarxento Marga (Lucía Regueiro), membro da Unidade de Investigación de Serramoura, extremadamente ordenada, metódica e analítica. Estas dúas personalidades tan distintas estarán obrigadas a entenderse e acabarán formando unha peculiar pero moi eficaz parella profesional e pode que co tempo algo máis.

A historia irá desvelando episodio a episodio os segredos, as miserias e os conflitos desta pequena vila galega mentres os dous gardas civís resolven os crimes e os delitos que se cometen nun lugar tan recoñecible como inquietante. Así, a investigación servirá en realidade para desvelar un segredo agochado na tranquila vida de Serramoura.

Xunto a Lucía Regueiro e Miguel Ángel Blanco, que interpretan os dous personaxes que levan o peso da investigación, completan o elenco actores da altura de Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Isabel Naveira, Xavier Deive, Uxía Blanco, Sabela Arán e Xosé Barato, entre outros. Todos eles baixo a dirección de Miguel Conde e Jorge Saavedra.

http://www.crtvg.es/tvg/programas/serramoura

Resultado de imagen de serramoura


O MEU COMENTARIO:

Hai poucas series en galego e menos cadenas de televisión que emitan estas series, en concreto eu só coñeczo dúas como son a TVG e a TVG2. Unha das series máis importantes en galego é Serramoura, unha serie que me gusta moito, non me perdo case ningún episodio. Esta serie comeza cando Monica Triáns aparece morta no medio do monte con sinais que indican que foi brutalmente asasinada e os policías tratan de averiguar quen foi descubrense subtramas que complican a historia.







Ningún comentario:

Publicar un comentario